martes, 14 de abril de 2009

Participantes en la IP: María do Cebreiro Rábade Villar

María do Cebreiro participará en el panel 'La ciudad como espacio cultural alternativo' con una ponencia bajo el título 'De que falan as fábricas? A estetización dos espazos de produción na cidade contemporánea' y que tendrá lugar el martes, 5 de mayo, a partir de las 9 y media de la mañana.

María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago de Compostela, 1976) é doutora en teoría da literatura. Exerce como investigadora e profesora na Universidade de Santiago de Compostela. As súas liñas de investigación abranguen os estudos de poesía, o comparatismo de ámbito peninsular, e a análise das antoloxías literarias como mecanismos de construción da identidade nacional. Entre as súas publicacións cóntanse os ensaios As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña. Representación poética e ficción lóxica (2004), As terceiras mulleres (2005). Xunto con Fernando Cabo asinou un Manual de teoría de la literatura (2005). E-mail: mrabade@usc.es

----------------------------------------

Abstract de la Ponencia:

De que falan as fábricas?
A estetización dos procesos de produción na cidade contemporánea

María do Cebreiro Rábade Villar
Universidade de Santiago de Compostela

Esta intervención procurará abrir vieiros de reflexión sobre a persistencia dos espazos fabrís (xeralmente non asociados ás súas funcións orixinarias de produción industrial) nas grandes cidades europeas. Dos graffitti da Rotte Fabrik de Zurich ás exposicións da Tate Modern de Londres, dos obradoiros de arte contemporánea do Poblenou de Barcelona aos modernos lofts de luxo do antigo barrio lisboeta da Lapa, a estetización das fábricas e dos almacéns podería ser tomada como indicio dalgunhas das condicións que determinan a contemporaneidade, tanto dende o punto de vista simbólico como dende o punto de vista material.
Neste sentido, a comunicación tentará explorar a significación social do proceso de conversión de certos valores históricos, asociados á unha tradición de movementos sociais e reivindicacións dos dereitos laborais, en valores estéticos. Movementos do espazo urbano actual como as ocupacións, os desaloxos, as restauracións ou as recalificacións adquiren nova luz cando son remitidos ao chamado capitalismo da información, e á súa necesidade de producir resemantizacións interesadas dos antigos edificios.
Etiquetas xurdidas ao abeiro deste fenómeno, como a de “arqueoloxía industrial” ou “patrimonio fabril” enfatizan a necesidade de preservar a estrutura física de determinados lugares afectados pola desaparición. En cambio, non adoitan incidir nos mecanismos que poderían poñer de relevo, ante os novos usuarios, a memoria das antigas funcións dos espazos industriais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario